viernes, 3 de febrero de 2012

O Concello da Fonsagrada alegará contra a ampliación da Rede Natura

02/02/2012 - Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo)
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, anunciou que o Concello presentará alegacións en contra do proxecto de ampliación da Rede Natura. Considera que prexudicará a actividade agrogandeira e forestal do municipio e que, segundo os criterios da Unión Europea, as zonas afectadas pola ampliación non requiren especial protección.

Argelio Fernández reuniuse o pasado martes co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, e co subdirector, Rogelio Fernández, quen lle explicaron que a proposta de ampliación da Xunta é «seria e técnica, baseada en criterios de protección natural marcados pola Unión Europea».
Os responsables de Conservación da Natureza mostráronse contrarios a reducir a zona de protección proposta, que na Fonsagrada abarcaría 17.397 hectáreas, é dicir, o 39,7% do municipio. No entanto, abriron a posibilidade de estudar «un aumento da Rede Natura para superar o 40% do territorio se o Concello presenta unha proposta razoada en base a criterios medioambientais».
Se o municipio ten máis do 40% do seu territorio baixo protección natural podería beneficiarse dalgunhas excepcións ás restricións de construción.
O director xeral explicou que esta ampliación das hectáreas protexidas non require autorización expresa da Xunta, senón que tamén podería ordenala o Concello facendo uso das competencias urbanísticas que lle outorga a Lei do Solo.
García Borregón recordou, ademais, que a Xunta está a tramitar un novo plan director para definir os usos permitidos na Rede Natura. Afirma que as zonas catalogadas como 2 e 3 non terán máis restricións que un chan rústico convencional.
O alcalde da Fonsagrada valorou as explicacións do director xeral, pero insistiu en que «a día de hoxe o plan director non está aprobado e coa normativa que hai a Rede Natura ten moitas restricións e deixa hipotecado o 39,7% do territorio da Fonsagrada».
Avanzou que o Concello presentará alegacións ao proxecto de ampliación «por mala formulación, pois, segundo a última directiva da UE, na serra de Foncuberta non hai hábitats de protección prioritaria, polo tanto, a ampliación non se basea en nada real».
Fernández Queipo di que non pon en dúbida «a boa vontade» do director xeral, «pero os condicionantes non dependen dunha persoa e mentres non estea demostrado documentalmente que non será prexudicial, estaremos en contra da ampliación da Rede Natura. Actuamos coa desconfianza do gato ó que xa lle tiraron auga fervendo outras veces». Pediu, ademais, compensacións económicas para os residentes nestes territorios, «para que compense seguir vivindo nestas condicións».
Terra Chá
O Sindicato Labrego Galego (SLG), pola súa banda, presentou unha alegación ante a Xunta para impedir que sexa ampliada a superficie da Rede Natura na comarca de Terra Chá, unha das de maior produción láctea de Galicia, sen «garantir que esa decisión non afectará as explotacións agropecuarias.
A secretaria xeral do sindicato, Carmen Freire, explicou onte en Vilalba que non se debe adoptar unha decisión dese calado sen «negociar antes cos veciños» que basean o seu medio de vida na produción de alimentos.
Freire subliñou que a protección que xa establece a Rede Natura en Terra Chá impediu a varias explotacións aumentar os seus pasteiros e construír naves para aloxar o gando, para protexer as turberas do Xistral. Con todo, non impediu construír parques eólicos.

Galiciaé Galicia Gastronomica LugoPress Diario de Pontevedra Axencia Galega de Noticias Telelugo L-V El Progreso

No hay comentarios:

Publicar un comentario