martes, 2 de octubre de 2012

A Xunta apraza polo menos ata 2013 a obra do albergue da Fonsagrada



28/09/2012 - Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo)
A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo descarta actuar este ano na casa de Pasarín, que adquiriu na Fonsagrada en 2008 para crear un albergue de peregrinos que dea servizo ao Camiño Primitivo. Fontes da Xunta aseguran que «a obra podería entrar no orzamento do plan de albergues do ano 2013», pero que dependerá da disposición orzamentaria e das necesidades do resto das rutas xacobeas.



O edificio que acollerá o albergue, coñecido como casa de Pasarín ou de Peñamaría, está situado no centro da Fonsagrada e catalogado como ben de protección integral. A súa deterioración foi en progresión nos últimos anos, pois non se rexistraron actuacións significativas para a conservación da súa estrutura.

O Concello fonsagradino pedirá a desafectación de dúas antigas escolas



25/09/2012 - P.G. Cheda / El Progreso (Lugo)
O pleno da Fonsagrada aprobará previsiblemente no pleno de hoxe dúas propostas do grupo de goberno para solicitar á Consellería de Educación a desafectación das antigas escolas de Castañoso e Lamas de Campos.
Estes edificios están na actualidade en desuso, pois xa non albergan actividade docente algunha. O grupo de goberno da Fonsagrada proporá ao pleno un acordo para solicitar a desafectación dos edificios, para que o Concello recupere a súa titularidade e poida dispor deles e darlles unha nova utilidade.