viernes, 13 de septiembre de 2013

Pegerto Saavedra, ''satisfeito'' e ''honrado'' de entrar na RAG

O historiador fonsagradino Pegerto Saavedra será académico da RAG a partir de mañá (AEP)
O historiador fonsagradino Pegerto Saavedra será académico da RAG a partir de mañá (AEP)

 13/09/2013 - Galiciaé LV / Axencias

O catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Pegerto Saavedra, de 61 anos e natural da Fonsagrada (Lugo), afirma sentirse moi "satisfeito" e "honrado" pola súa inminente entrada na Real Academia Galega (RAG), nunha sesión que se celebrará mañá no Paraninfo da propia institución académica, en Compostela.
"Sinto moi satisfeito e moi honrado co nomeamento e con que chegase o día de tomar posesión, porque a entrada na Academia é sempre un recoñecemento, que probablemente non mereza ou, en todo caso, hai outras persoas que o merecen igual que eu", precisou Saavedra, quen espera "cumprir coas obrigacións que implica a pertenza a esta corporación".
Nomeado académico electo no ano 2011, a súa entrada na RAG producirase coa lectura do discurso Demarcacións, topónimos, papeis, memoria. Sobre a división e ou control do territorio na Galicia moderna, que recibirá contestación por parte doutro historiador e académico, o tamén lucense Ramón Villares Paz.

"Traballamos xuntos en libros, artigos e outro tipo de proxectos. O normal é que a resposta corra a cargo dun historiador, neste caso dun historiador que me resulta moi próximo, polo tipo de investigacións que fixemos", engadiu o futuro académico en declaracións a EFE.

Na RAG hai "dous historiadores, e calquera dos dous podería facer a resposta moi ben, o profesor José Ramón Barreiro e o profesor Ramón Villares, porque lles teño un gran aprecio e unha gran admiración aos dous".

Con respecto á función dos historiadores dentro da RAG, Pegerto Saavedra recorda que "a finalidade fundamental que ten a Academia é a ilustración e defensa da lingua, pero tamén do conxunto da cultura galega, e a historia é unha parte moi importante da cultura galega, incluso para entender a lingua".

Nese sentido, recordou "todos os avatares polos que pasou, desde a baixa idade media ata a actualidade, non se entenden se non se coñece o proceso histórico".

Ademais, "á parte diso, do que é a historia en si mesma, para explicar a evolución do país e a cultura, son importantes outros aspectos, como poden ser todo o referido á toponimia, á onomástica e a cuestións que teñen que ver coa documentación histórica, e é fundamental a achega dos historiadores".

De feito, recordou que "na Academia houbo normalmente historiadores, desde Manuel Murguía ata Otero Pedrayo, dous dos personaxes máis grandes que tivo a cultura galega".

Precisamente, no seu discurso de entrada na academia, Pegerto Saavedra falará sobre "como estaba dividido o territorio, no aspecto político e no aspecto relixioso", e "como estaba controlado polos diversos poderes", cunha "especie de loita" entre eles, por unha banda", e "os labradores", polo outro, que "trataban de escurrirse dese control".

Con 61 anos cumpridos, Pegerto Saavedra chancea ao afirmar que non sabe se "a entrada nunha Academia acredita méritos, pero normalmente acredita anos".

"Sempre hai algún xenio precoz, pero non é o meu caso", insiste.

Por outra banda, Saavedra afirma sentirse "moi honrado" da súa pertenza á provincia de Lugo, "non orgulloso, porque cada un nace onde lle cadra".

"Considérome lugués", engade o historiador, á vez que recorda que "unha das cousas" que ten "moi claras" é que é "da parroquia de Freixo, na Fonsagrada".

O acto de entrada na academia celebrarase mañá -14 de setembro-, a partir das doce do mediodía, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario